Primos Hermanos 2016
A cantautora alemá afincada en Asturias, Fee Reega, e o grupo power-pop Thee Operators serán dous dos protagonistas do festival Primos Hermanos, que terá lugar o próximo 20 de febreiro en Santiago de Compostela.

O evento, organizado pola asociación sen ánimo de lucro Desconcierto Cultural, completa o seu cartel conformado exclusivamente por artistas asturianos coa participación da banda soul-rock Autotan, o grupo de garage Bobkat’65, e o cabaré vangardista de Rodrigo Cuevas.

Todas as actuacións se distribuirán nos locais composteláns do Embora (Rodrigo Cuevas), a Casa das Crechas (Autotan e Fee Reega) e o Cachán Clube (Bobkat’65 e Thee Operators). Tamén se celebrará un xantar de confraternidade galego-asturiana no restaurante Resas.

Tanto os abonos como as entradas para unha parte do espectáculo pódense adquirir nesta ligazón. Pola súa banda, os tickets para a comida de irmandamento no Restaurante Resas pódense reservar aquí. Os horarios concretos para a sesión vermú, o xantar e as actuacións nos diferentes locais anunciaranse a vindeira semana na web do evento e nas redes sociais de Desconcierto Cultural.

O festival terá unha segunda cita o próximo 5 de marzo en Oviedo que, nesta ocasión, estará protagonizada por artistas e grupos galegos. En concreto, desprazaranse á comunidade veciña diola, Os amigos dos músicos, Músculo!, Malandrómeda e Lengorón. Na capital ovetense contarase coa colaboración dos locais La Lata de Zinc e La Salvaje e as entradas ou abonos pódense mercar aquí.

Podes descargar a nota de prensa con información completa en galego, asturianu e castelán, picando aquí.

Deja un Comentario