Primos Hermanos 2016

Marzo de 2015. El Patio de Lara, Oviedo. Galegos e asturianos intercambian olladas esquivas dende recantos opostos do local. Compartiron un bo concerto e agora están compartindo xantar, un suculento lacón con grelos do que non quitan ollo, intentando evitar así o bando contrario. É isto un verdadeiro irmandamento? Hai quen empeza a dubidalo. A medida que avanza a comida, as voces comezan a empastar. Parece ser o efecto do viño primeiro, e do licor café máis adiante. Caldéanse os ánimos, pálpase a tensión. De súpeto, dende o recanto asturiano álzanse varias voces. É “Nel pozu María Luisa”. Xa é demasiado tarde, o duelo é a morte. No bando galego responden cunha sempre efectiva “Mira Maruxiña”. E así empezan a sucederse unha tras outra cantigas galegas e tonadas asturianas, nun duelo sen cuartel no que, polo menos desta vez, ao final non hai vencedores nin vencidos. Inda que si moitas apertas.

O segundo asalto vaise librar este ano en Santiago o 20 de febreiro, dentro do Primos Hermanos 2016. Aprendices de trobadores, xograres frustrados e tenores tabernarios están convocados a participar. Porque somos conscientes de que a miúdo nos movemos nunhas coordenadas que buscan referencias que non son as nosas. Non pertencen á tradición de, probablemente, os nosos pais. E indubidablemente tampouco á dos nosos avós. Tan diferentes son as cancións que acompañaban os mineiros cubertos de po na súa baixada ao pozo ou as que entoaban as nosas avoas mentres recollían patacas, dos cánticos baixo o sol dos traballadores das plantacións do sur americano? Non o son, todas parten da necesidade de facer máis soportable o traballo, de ritualizar as repetitivas e arduas actividades do día a día, ou de celebrar o cotián.

Así, este ano, dentro do Primos Hermanos queremos homenaxear esta tradición, e ao mesmo tempo proxectos que están facendo moito por recuperala, por lembrárnola. Os Amigos dos Músicos, Sés, Caxade, Xel Pereda… O duelo de tonadas contra cantigas celebrarase no Restaurante Resas, e nel pode participar quen queira, a valente título individual, ou protexido dentro dun confortable grupo, apuntándose a través desta ligazón.

Celebrémolo. E, como di o insigne trobador xixonés… “si no hay una botella con la que brindar por las cosas que hay que recuperar…”. Pois iso, vinu, cantares e amor.

Deja un Comentario