Entradas archivadas en Comunicados

Dende hai uns meses, a Asociación Desconcierto Cultural ven observando con preocupación como está a desaparecer a programación musical da emisora Radio Galega Música, emisora pública que se escoita en toda a Comunidade Autónoma Galega e que, polo tanto, é a única capaz de chegar a unha poboación bastante dispersa.

A súa programación, na que houbo programas musicais especializados que cubrían diversos estilos e onde os músicos galegos tiñan a posibilidade de mostrar as súas creacións, foi desaparecendo progresivamente nos últimos meses ata ser practicamente inexistente e quedar limitada a un fío musical dunhas 23 horas ao día.

Sorprende máis, se cabe, tendo en conta que outras emisoras intentan desenvolver, non sen dificultades e trabas administrativas, unha programación estable deste tipo sen poder sequera pretender chegar a dar cobertura a toda a Comunidade.

Como Asociación Cultural, Desconcierto Cultural ten entre os seus fins, recollidos nos seus estatutos, os seguintes:

“1.- O desenvolvemento e promoción de actividades enfocadas á difusión cultural na comunidade galega, enfocándose principalmente en propostas emerxentes, novas tendencias, novos artistas ou os máis afastados das canles de promoción habituais e que presenten certo nivel de risco nas
súas propostas.

2. – O desenvolvemento e promoción de actividades e plataformas dedicadas á difusión cultural galega tanto en Galicia coma máis alá das fronteiras da nosa comunidade.

3. – O apoio á profesionalización e promoción de novos grupos galegos”.

Polo tanto, de acordo cos nosos principios fundacionais, defendemos unha emisora que apoie aos creadores e aos profesionais galegos. Entendemos que, como radio pública con licenza para dita tarefa, a segunda canle da Radio Galega debería ser a plataforma natural dos músicos e profesionais de Galicia. De seguiren así, ao sector (músicos, promotores, salas de concertos, estudios…) se lles causará un prexuízo irreparable por parte da que debería ser a súa principal voz radiofónica. Polo tanto é a nosa obriga dar a coñecer, a través dos medios de comunicación, esta situación que parece ser está a pasar desapercibida probablemente por descoñecemento.