Entradas etiquetadas con Lucas 15

Non contentos con traer o mellor da escena musical asturiana a Santiago, o festival Primos Hermanos organizado por Desconcierto Cultural replícase en apenas 15 días cunha boa mostra da mellor música independente ao norte do Miño. Os sábados 7 e 21 de marzo son as datas marcadas para este intercambio que xorde do cariño e da simpatía mutuos que nos temos os habitantes das comunidades norteñas veciñas.

Ademais da riqueza sonora, se de algo podemos presumir ambas as comunidades é da excelente gastronomía tradicional da que gozamos, polo que aproveitaremos a ocasión para celebrar dúas comidas de irmandade con algúns dos pratos máis emblemáticos de Galicia e de Asturias que serán ofrecidos en senllos restaurantes en Santiago de Compostela e Oviedo, para que no Primos Hermanos os padais gocen tanto como os oídos.

zona central

Igual que ocorreu o ano pasado, na edición santiaguesa do Primos Hermanos poderemos ver cinco bandas asturianas distribuídas en tres locais da cidade.

A xornada comezará ás 13.00 horas na terraza do Embora, lugar perfecto para escanciar unas botellas de sidra mentres escoitamos o folk-pop luminoso dos xixoneses Noise ‘n’ Confusion, para ao rematar dirixirnos ao Resas, onde desfrutaremos dunha comida asturiana adaptada ao toque vangardista dun dos locais de referencia da restauración compostelá.

Logo dunha sobremesa na que intentaremos aclarar quen son os primos e quen os irmáns, seguiremos o noso percorrido na Casa das Crechas, cos concertos de Lucas 15 e La Villana. Tras estes nomes atópanse Xel Pereda e Natalia Quintanal, personaxes clave para entender a música feita en Asturias nos últimos 20 anos.

E se a tarde llela dedicaremos a artistas consagrados, a noite será a vez de dous dos proxectos con máis futuro da comunidade veciña. O demoledor directo dos novísimos One for Apocalypse e a electrónica escura e sensual de HUIAS porán o peche a esta edición no Cachán Clube.